CLUB DE ADULTOS: LOS RENGLONES TORCIDOS DE DIOS


 Con intención de traballar o tema da saúde mental, desgrazadamente tan de moda nos últimos tempos, o 30 de xaneiro xuntamos o noso Club de Adultos para comentar Los renglones torcidos de Dios, unha das novelas máis coñecidas do autor madrileño Torcuato Luca de Tena.

Nesta narración, Luca de Tena nos traslada a un sanatorio mental onde é internada unha intelixentísima muller chamada Alicia Gould. Segundo o seu psiquiatra, Alicia é unha muller gravemente perturbada que pretende atentar contra a vida do seu home. Non obstante, ela defende firmemente que é unha investigadora privada que debe atopar a un asasino ingresado nesa institución.

Para documentarse antes de escribir a súa novela, o escritor de Madrid estivo 18 días ingresado no sanatorio compostelán de Conxo como un enfermo máis. A súa experiencia foi unha peza clave na organización da novela e, sobre todo, na descrición enormemente naturalista da realidade das institucións mentais da época. 


 A través da lectura dunha obra de personaxes tan ben trazados descubrimos non só a penuria que vivían os enfermos psiquiátricos nos sanatorios da época ou a chegada de aires de cambio a estes lugares, senón tamén que tipo de persoas estaba recluída nese tipo de institucións, porque alí acababan as persoas con insania mental, pero tamén persoas saudables como as mulleres con problemas matrimonais ou os presos políticos (non podemos esquecer a ideoloxía nacionalcatolicista que impregna a obra). 


 Unha parte dos asistentes á reunión criticou a hiperabundancia de casos psiquiátricos (moitas veces tópicos), a súa caricaturización ou o exceso de detalles desagradables. Así mesmo foron criticadas parte das ideas que, a pesar do seu suposto progresismo, defende Luca de Tena (como o feito de que un enfermo poida ser atado ou sedado en casos concretos de violencia).

Pero a partir das vivencias de Alicia Gould puidemos reflexionar sobre a delgada liña que separa a cordura da enfermidade mental e sobre a necesidade de superar unha vez por toda os estereotipos presentes aínda hoxe na nosa sociedade arredor dos enfermos metais como, por exemplo, a identificación de problemas psicolóxicos con violencia ou delincuencia.



 

Comentarios

Entradas populares de este blog

CLUB DE LECTURA ALUMNADO PT: LAS AVENTURAS DE TOM SAWYER

Visita á ExpOtaku co IES de Catabois

CLUB DE LECTURA 4º ESO: LAS CHICAS DE LA HABITACIÓN 305