CLUB DE ADULTOS: A PRAIA DOS AFOGADOS


  O pasado 16 de novembro o noso Club de Adultos reuniuse para comentar unha das obras máis coñecidas do recentemente finado Domingo Villar: A praia dos afogados. Este é o segundo libro das novelas negras ambientadas na ría de Vigo e protagonizadas polo detective galego Leo Caldas, e segue a estela trazada por Ollos de auga.

A praia dos afogados comeza cunha chamada que recibe o detective Caldas sobre a aparición dun cadáver na praia de Panxón. Nun principio todos pensan nun suicidio, pero a análise forense da brida que lle suxeita as mans apunta a un asasinato. E Caldas e o seu compañeiro Rafael Estévez comezan a investigar.

A pesar de que todos consideramos que é a novela menos potente das tres protagonizadas por Caldas, a súa lectura resultou amena para todos os participantes do Club e foron moitos e variados os comentarios que xurdiron dela.

En primeiro lugar, todos destacamos o ben trazados que están os personaxes principais (os detectives) e o feito de que ambos reproducen os estereotipos dos protagonistas de moitas novelas negras: a parella de detectives oposta en físico e carácter (por exemplo, Holmes e Watson ou Bevilacqua e Chamorro). 



Así mesmo comentamos a capacidade que ten o autor vigués para trazar a idiosincrasia galega a través das palabras e o comportamento de Leo Caldas e dos distintos personaxes que forman parte da trama, pero tamén a través do estrañamento de Estévez, que non deixa de queixarse da peculiaridade do comportamento dos galegos.


Tamén nos chamou a atención a importancia que ten a gastronomía na obra, dado que Caldas é un gourmet que goza intensamente da cociña da nosa terra. E descubrimos que esta alusión á comida é habitual en moitas outras novelas de detectives (así ocorre con Bruneti, de Donna Leon, con Montalbano, de Andrea Camilleri ou con Pepe Carvalho, de Vázquez Montalbán).


 Por último, destacamos a importancia do mundo da radio na vida de Caldas, e tamén na vida da poboación de certa idade que chama para transmitir as queixas sobre distintos problemas da cidade.


 Non nos pareceu interesante a inclusión da figura paterna na novela por ser un papel escasamente relevante na trama, e tampouco nos gustou excesivamente a resolución da novela por resultar un pouco forzado. 

A xornada concluíu coa comparación entre a novela e a súa adaptación cinematográfica, que case non gustou a ninguén e coa petición dunha parte dos participantes do Club de combinar o comentario de lecturas e de filmes.







Comentarios

Entradas populares de este blog

CLUB DE LECTURA ALUMNADO PT: LAS AVENTURAS DE TOM SAWYER

Visita á ExpOtaku co IES de Catabois

CLUB DE LECTURA 4º ESO: LAS CHICAS DE LA HABITACIÓN 305