CLUB DE NOVELA GRÁFICA: MAUS
O pasado 22 de xaneiro o noso Club de novela gráfica reuniuse para comentar Maus, un clásico da novela gráfica e referente deste subtipo de novelas.
En Maus, Art Spiegelman narra a súa propia vida e a vida do seu pai, xudeu polaco e vítima do Holocausto nazi. Tal e como ocorría en Blacksad, o autor emprega o recurso de utilizar animais antropomorfos como protagonistas da súa narración. Neste caso, os xudeus son ratos, os nazis son gatos, os polacos non xudeus son porcos... A diferenza de Blacksad, non obstante, o emprego da animalización dos personaxes responde á necesidade do autor de distanciarse e de distanciar aos lectores da durísima situación que nos presenta.
A través de flashbacks, Vladek (o pai de Art Spiegelman) vai narrando a súa existencia dende os momentos previos á II Guerra Mundial ata actualidade, facendo especial fincapé na súa estancia en Auschwitz.
Os nosos alumnos e alumnas desfrutaron moitísimo desta proposta. Na nosa xuntanza, mostraron a súa sorpresa ante o minimalismo do debuxo de Spiegelman en comparación coa coidadísima presentación de Blacksad, pero destacaron a calidade da historia. Gustoulles, sobre todo, a parte referente aos campos de exterminio e sufriron coa dura experiencia de Vladek e coa loita pola supervivencia del e de todos os seus compañeiros de experiencia.
Así mesmo comentaron a relación difícil entre pai e fillo, e trataron de entender e xustificar o carácter obstinado, racista e austero (ata a tacañería) de Vladek como resultado dun estrés postraumático resultado da súa espantosa experiencia.
Comentarios
Publicar un comentario