CLUB DE ADULTOS-CINEFÓRUM: FIGURAS OCULTAS
O pasado 13 de marzo, e coa intención de celebrar o Día da muller e a nena na ciencia, o noso Club de adultos reuniuse para comentar o filme Figuras ocultas.
É esta unha película que narra a historia real de tres brillantes científicas afroamericanas (Katherine G. Johnson, Dorothy Vaughan e Mary Jackson) que traballaron na NASA a comezos dos anos 60, cando a loita pola carreira espacial entre Estados Unidos e a Unión Soviética estaba no seu auxe. Estas mulleres, vítimas do racismo da época, foron capaces de contribuír cos seus cálculos a que o astronauta John Glenn realizase a primeira órbita completa arredor da terra.
A pesar de que unha parte dos participantes a esta sesión do Club criticou determinados aspectos da película, como o seu carácter previsible, a presenza de tópicos ou a mala selección das actrices protagonistas (cunha imaxe demasiado "agradable" que buscaba a simpatía do público), case todos e todas destacaron o seu valor reflexivo e o tratamento (aínda que ás veces excesivamente amable) da realidade da época. Comentamos as difíciles condicións de traballo para as mulleres (e máis para as afroamericanas), a diferencia de oportunidades entre mulleres e homes (unhas da protagonistas da película ten que ir a xuízo para poder convertirse en enxeñeira) e a importancia do apoio da familia para que unha muller poida desenvolver a súa carreira profesional.
Tamén repasamos a situación sociopolítica da época e a presentación que se fai da Guerra Fría entre Estados Unidos e a Unión Soviética (os simulacros nos colexios para actuar en caso de conflicto atómico, o "drama" da carreira espacial, os avances tecnolóxicos...).
Realmente Figuras ocultas mostra unha realidade difícil de dixerir, porque as protagonistas quedaron relegadas ao esquecemento porque eran mulleres e, por riba, afroamericanas. De feito, se lles pedimos aos nosos alumnos que propoñan o nome de dez científicos, cantos serían mulleres?
Comentarios
Publicar un comentario