CLUB DE NARRATIVA 4º DE ESO: ENDEREZO DESCOÑECIDO
O pasado 18 de marzo reunimos ao noso Club de narrativa de 4º de ESO para comentar Enderezo descoñecido, de Kressmann Taylor.
É esta unha novela epistolar brevísima publicada por primeira vez en 1938, nos instantes previos ao comezo da II Guerra Mundial. Narra a historia de dous amigos de orixe alemá que son socios dunha galería de arte nos Estados Unidos: Max Eisenstein, xudeu solteiro e Martin Schulse, casado cunha cidadá alemá e con tres fillos. Coincidindo co ascenso do partido nazi, Martin Schulse volve á súa Alemaña natal, pero mantén correspondencia con Max. Pouco a pouco, e ante a sorpresa do seu amigo, Martin vese cada vez máis tentado polo nazismo que avanza no país. O seu ascenso social provoca que acabe rexeitando a amizade con seu antigo socio para evitar problemas coa censura e a policía política. Apelando á súa antiga amizade, Max pídelle a Martin que coide da súa irmá Griselle, que vai actuar nun teatro de Berlín, pero este acaba entregándoa aos nazis. E Max, cando se entera, prepara a súa vinganza.
Enderezo descoñecido foi unha lectura de moito agrado para os participantes na actividade. Todos e todas louvaron a claridade e a sinxeleza do texto, pero tamén destacaron a capacidade da autora para transmitir as vivencias dos protagonistas de forma indirecta, polo que resulta preciso inferir a información a partir das cartas que intercambian.
Analizaron, sobre todo, os temas presentes na novela, sempre tendo en conta o fondo histórico: a facilidade para verse tentado por ideas extremistas, a actuación dos gobernos totalitarios (control, censura e violencia) ou a falta de sentido de moitos comportamentos radicais e intolerantes (Martin entrega a Griselle a pesar de que fora a súa amante anos atrás).
Para concluir, tamén comentaron a intelixencia maquiavélica de Max e o carácter irracional da súa vinganza, porque certamente entrega a Martin aos nazis, pero probablemente con el tamén caen a muller e os fillos do seu examigo.
Comentarios
Publicar un comentario