CLUB DE ADULTOS: RELATOS DE MANUEL RIVAS E ROALD DAHL


O pasado 30 de maio, o noso Club de Adultos reuniuse para comentar as lecturas propostas: catro relatos de Manuel Rivas ("Que me queres, amor", "A lingua das bolboretas", "Carmiña" e "Un saxo na néboa") e dous relatos de Roald Dahl ("Cordero asado" e "La señora Bixby y el abrigo del coronel").

Como sempre, foi unha xuntanza moi animada. Comentamos a capacidade de Rivas para trasladarnos á Galiza da época, a súa fantástica caracterización dos personaxes e a súa habilidade para transmitir sentimentos, sensacións e percepcións.


Destacamos de entre todos os relatos "A lingua das bolboretas", que a todos e todas nos fascinou por amosar a tenra relación entre un mestre republicano e o seu alumno Moncho, un neno de oito anos que se incorpora á escola despois dunha longa enfermidade.

Aproveitamos a coxuntura para analizar a adaptación cinematográfica que fixo José Luis Cuerda dos textos de Rivas, e para defender, case maioritariamente, o noso desgusto pola inclusión da historia de "Carmiña" no filme.


 Pero, ante todo, salientamos a habilidade de Roald Dahl para sorprendernos cos seus escritos.

 

Todos e todas sentímonos gratamente sorprendidos ante a astucia da protagonista de "Cordero asado", a doce e sumisa ama de casa que asasina ao seu home tras descubrir que vai ser abandonada... e enreda aos policías que van investigar o crime ata conseguir que coman a arma homicida.

Pero tamén desfrutamos do humor negro do autor de ascendencia noruega que nos mostra como unha esposa infiel recibe unha inesperada sorpresa tras intentar ocultarlle ao seu home o último agasallo do seu amante.






Comentarios

Entradas populares de este blog

CLUB DE LECTURA ALUMNADO PT: LAS AVENTURAS DE TOM SAWYER

Visita á ExpOtaku co IES de Catabois

CLUB DE ADULTOS: BENVIDOS AO NORTE