CLUB DE LECTURA 2º BACH: OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE

 


O pasado 11 de outubro os participantes no noso Club de Lectura de 2º de Bacharelato reuníronse para comentar a obra de teatro de Castelao Os vellos non deben de namorarse.

Na súa primeira representación, esta obra foi dirixida polo propio Castelao, que tamén se encargou da escenografía. Ten como característica estrutural a súa organización como triloxía encadrada por un prólogo e un epílogo. Cada unha das tres historias que a compoñen conta o amor dun home vello imprudente por unha rapaza nova, e rematan no epílogo que reúne aos tres protagonistas mortos no cemiterio para explicar o sentido da obra.

En xeral a obra gustoulle moito ao alumnado participante na actividade, e foron moitos os comentarios que xurdiron despois da súa lectura. En primeiro lugar, o máis obvio: o perigo que corre un home vello cando se namora dunha muller moito máis nova porque pode ser enganado por ela. Algunhas das nosas participantes matizaron esa idea ao sinalar que as rapazas, a pesar de non estar namoradas, conseguiron que os vellos fosen felices na última etapa da súa vida. 


 Tamén analizamos a dificultade do ser humano para aceptar a vellez e, polo tanto, a morte. Dado que neste caso o rexeitamento do paso do tempo está focalizado en tres homes maiores, discutimos se esta aceptación é máis complicada para os homes ou se, polo contrario, homes e mulleres comparten ese medo a partes iguais.


 Para finalizar, centrámonos en cuestións de igualdade e analizamos se a nosa sociedade  acepta de igual modo as relacións entre homes maiores e rapazas novas e as relacións entre mulleres maiores e rapaces novos. Para o noso pesar chegamos á conclusión de que non existe coincidencia: seguimos considerando normais as grandes difenzas de idade entre homes e mulleres se os homes son os máis vellos, pero non no caso oposto.


Foi unha actividade moi ben aproveitada!!!




Comentarios

Entradas populares de este blog

CLUB DE LECTURA ALUMNADO PT: LAS AVENTURAS DE TOM SAWYER

Visita á ExpOtaku co IES de Catabois

CLUB DE LECTURA 4º ESO: LAS CHICAS DE LA HABITACIÓN 305