CLUB DE POESÍA
Durante o presente curso académico desenvolvemos un Club de poesía coordinado pola nosa compañeira e poeta Sara Villar.
As reunións celebráronse os segundos e cuartos xoves ao mes durante o primeiro recreo, e foi unha actividade con tanto éxito que durante o primeiro trimestre foi preciso organizar dous grupos para garantir o correcto funcionamento do Club.
Comezou o Club cunha reflexión do alumnado participante sobre que é a poesía e sobre como podemos entendela (como unha manifestación artística, como unha forma de concibir o mundo, como menciña para as dores da alma, como elemento transformador da realidade, como vehículo de emocións...).
Tras esta análise conxunta, todos presentamos aos compañeiros os nosos poemas favoritos, e explicamos os motivos da nosa escolla.
Unha vez que todos nos coñecemos e identificamos os nosos gustos, comezou a actividad poética.
Foron varias as actuacións que se desenvolveron ao longo do curso:
En primeiro lugar, a lectura e comentario de poemas e fragmentos de poemas. Evitamos en todo momento a análise formal das composicións para centrarnos nas ideas, sentimentos e sensacións que pretenden transmitir autores e autoras.
En segundo lugar, a creación de textos propios a partir de diferentes fontes de inspiración: un tópico literario, unha idea ou tema en concreto, unha imaxe... Sempre cunha premisa lúdica, buscamos fomentar a creatividade e a libre expresións literaria dos noso rapaces e rapazas.
En terceiro lugar, os alumnos e alumnas do Club encargáronse de organizar e coordinar diferentes recitados poéticos para celebrar diferentes datas como o Día da Poesía, o Día de Rosalía ou o Día das Letras Galegas.
Por último, analizamos as relacións entre poesía e música.
Comentarios
Publicar un comentario