CLUB DE NARRATIVA 4º ESO: LA MANSIÓN DAX
Durante o segundo trimestre foron dúas as novelas escollidas polos participantes no noso Club de narrativa de 4º ESO: Invisible, de Eloy Moreno e La mansión Dax, de César Mallorquí.
Esta última é unha fantástica novela de aventuras e misterio ambientada no Madrid do século XIX que gustou moito aos rapaces que se animaron a participar da súa lectura e posterior debate.
O narrador e protagonista de La mansión Dax, é un rapaz orfo que sobrevive na rúa como ladrón e que comparte o seu tempo con outros rapaces da súa condición. Un día coñece a un home que se fai chamar Honesto Juan e que o acolle na súa casa para aproveitarse do seu don. Pero esa alianza dura pouco tempo. Aparentemente por casualidade, crúzase na súa vida Sebastián Dax que o invita a vivir na súa mansión... e co que coñecerá o amargo sabor da vinganza.
Foron moitas as reflexións que xurdiron na xuntanza do noso Club a raíz da lectura desta novela: a crítica da miseria e as desigualdades sociais, a importancia da honestidade na vida ou o poder da vinganza.
Tamén analizamos a influencia doutras obras literarias, como Oliver Twist ou O conde de Montecristo neste libro.
A reunión rematou cunha pregunta: cantos de nós escolleríamos a vinganza, tal e como escolleu Sebatián Dax, fronte o perdón?
Comentarios
Publicar un comentario