CLUB NARRATIVA 1º ESO: "El príncipe feliz"
Ante a súa insistencia, reunimos de novo ao noso Club de Lectura de 1º ESO para comentar un clásico de Oscar Wilde: "El príncipe feliz".
É este un relato moi breve que narra a amizade entre unha anduriña e a estatua bañada en ouro dun príncipe que preside unha cidade remota. O paxaro, que en principio debía emigrar para poder evitar o frío do inverno, vese conmovido pola tristeza da estatua e decide quedarse para formar parte da súa misión compasiva. Xuntos (príncipe e paxariño) emprenden unha serie de actos xenerosos que buscan aliviar as penurias dos habitantes da cidade.
A historia propón unha reflexión sobre a indiferencia ante as desigualdades sociais e as diferenzas de clase. Ademais explora temas como o sacrificio, a compaixón e, sobre todo, sobre cal é a verdadeira esencia da felicidade humana.
Os nosos lectores e as nosas lectoras desfrutaron intensamente coa historia da amizade entre o príncipe e o paxariño e souberon reflexionar sobre a importancia de empatía, sobre os perigos da insensibilidade ante o sufrimento alleo e sobre o valor da coraxe e o sacrificio.
Comentarios
Publicar un comentario