CLUB DE ADULTOS: CAFÉ BUDAPEST


O 26 de novembro o noso Club de Adultos reuniuse para comentar Café Budapest, unha das bandas deseñadas máis coñecidas de Alfonso Zapico.

  Esta novela gráfica narra a historia de Yechezkel Damjanich, un violinista xudeu que no 1947 marcha coa súa nai de Praga a Palestina en busca dun futuro mellor.  Alí instálanse no Café Budapest, un local rexentado polo seu tío Yosef, onde conviven en armonía xudeus, árabes e occidentais. Pero os ingleses deciden abandonar o territorio... e repentinamente estala o caos.

 Mediante unhas viñetas simples no seu deseño, Zapico vai mostrando como pouco a pouco a situación do café se complica e como os parroquianos se ven obrigados a tomar partido no conflito.

  Case todos os participantes no coloquio destacaron que lles pareceu unha obra pouco ambiciosa, dado que non explica con claridade as orixes do problema árabe-israelí, nin xulga a situación nin ofrece solucións. Tamén sinalaron a pouca profundidade psicolóxica do protagonista, e consideraron que Chaskel se presenta como un antiheroe algo inxenuo que vive unha situación a priori profundamente dramática sen demasiada tensión. Tampouco lles resultou crible a relación que o protagonista establece coa musulmá Yaiza, nin os momentos musicais que comparte cun médico  musulmán ata que a situación política se fai insostible.

   Non obstante, varios compañeiros destacaron a forza dalgúns personaxes secundarios, como a nai de Chaskel, que xustifica un carácter bronco e desagradable como resultado das vivencias nun campo de concentración nazi.

    Realmente nótase que esta é a segunda obra do autor asturiano e que aínda estaba nunha etapa de formación que auguraba un futuro moi prometedor. 




Comentarios

Entradas populares de este blog

VISITA A EXPOTAKU CO IES FERROL VELLO

DÍA DA POESÍA: RECITADO NAS AULAS

CLUB DE POESÍA: TALLER DE POESÍA COORDINADO POR ANTÓN CORTIZAS