CLUB DE ADULTOS: MATAR A UN RUISEÑOR

 


En outubro organizamos a primeira reunión do curso do noso Club de lectura de adultos. Nesta ocasión xuntámonos para comentar Matar a un ruiseñor, obra que lle outorgou á súa autora, Harper Lee, o Premio Pulitzer en 1961.

Esta é unha novela na que Scoutt Finch narra de xeito retrospectivo as súas vivencias de nena en Maycomb (Alabama) durante a Gran Depresión norteamericana.


Scoutt vive co seu irmán Jem e con Atticus, o seu pai e un reputado avogado da localidade. 

Mentres Atticus ten que enfrontarse ao caso máis complicado da súa carreira (a defensa de Tom Robinson, un rapaz negro acusado de violar a unha rapaza branca chamada Mayella Ewell), Scoutt e Jem reparten o seu tempo entre as aventuras con Dill (un neno que vai pasar as vacacións de verán ao pobo) e a súa fascinación por Boo Radley, un veciño estraño que vive recluido na casa dos seus pais.



Aínda que Atticus consegue demostrar a inocencia de Tom, o rapaz é condenado por un xurado racista e parcial. Bob Ewell, o pai de Mayella séntese humillado polas circunstancias que se revelan no xuízo sobre el e a súa familia, e clama vinganza.


 Finalmente Tom Robinson morre por un disparo cando trata de fuxir e Scoutt e Jem son atacados por Bob Ewell, que recibe unha coitelada de Boo Radley cando trata de protexer aos seus veciños.

Foi esta unha novela que suscitou un coloquio moi animado por parte dos participantes no Club.

En primeiro lugar lembramos datos curiosos sobre a novela, como que nun principio ía titularse Atticus, pero a autora mudou a súa proposta inicial para tratar de darlle un sentido máis amplo ao seu texto. Tamén comentamos que foi a única novela de Harper Lee ata 55 anos despois da súa publicación, ou que. a pesar de que é unha narración que se emprega habitualmente como texto escolar en países anglosaxóns, tamén foi obxecto e campañas na súa contra pola (suposta) linguaxe racial que inclúe ou polo tratamento pouco profundo dos personaxes afroamericanos.

En relación cos temas, todos e todas aludimos a que a obra constitúe un alegato contra o racismo e unha defensa da xustiza e a igualdade. Tamén destacamos a importancia que se conceden nela á empatía e á compasión. Finalmente comentamos que estamos ante unha novela de aprendizaxe, que mostra a evolución psicolóxica dos dous irmáns a medida que a trama vai gañando intensidade (o rexeitamento dos seus veciños cando Atticus acepta ser defensor dun negro, o coñecemento da existencia de xente desfavorecida socialmente...) e, sobre todo, a medida que aprenden do seu pai o valor da coraxe, da comprensión e da empatía.

A presentación dos personaxes tamén suscitou un intercambio interesante. Moitos destacaron a relevancia do papel de Atticus e o ben trazado que está dentro da trama, pero non esquecemos tampouco a personalidade rebelde e reflexiva de Scoutt ou o carácter repugnante de Dill, trasunto de Truman Capote, amigo da infancia da autora.

E inevitablemente, acabamos facendo unha comparación entre a novela e a súa fantástica adaptación cinematográfica para destacar o carisma de Mary Badham, a actriz feminina que desempeñou o papel de Scoutt, ou a fantástica actuación de Gregory Peck, que deu vida a un Atticus inesquecible.



Comentarios

Entradas populares de este blog

DÍA DA POESÍA: RECITADO NAS AULAS

VISITA A EXPOTAKU CO IES FERROL VELLO

CLUB DE LECTURA 2º BACH: OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE