CLUB DE ADULTOS-CINEFÓRUM: LA VIDA SECRETA DE LAS PALABRAS


 O pasado 12 de decembro, o noso Club de adultos reuniuse para comentar o filme de Isable Coixet La vida secreta de las palabras.

 O argumento desta película é aparentemente simple. Nunha plataforma petrolífera onde só traballan homes ocorre un grave accidente. Hanna, vítima da guerra na antiga Iugoslavia é contratada para traballar como enfermeira privada de Josef, que resultou ferido con graves queimaduras e está temporalmente cego. Pouco a pouco, doente e enfermeira van achegándose ata conseguir compartir as duras experiencias que lles deixaron unha innegable pegada. 

Acompañamos o visionado da película coa lectura dos dous relatos que se comentan no filme: "La señorita Cora", de Julio Cortázar y Cartas de la monja portuguesa, de María Alcoforado.



O debate sobre a película resultou moi intenso e foron moitos os temas que puidemos destacar. Lembrando a beleza do tema central da película ("Hope there someone", de Anthony and the Johnsons) analizamos as consecuencias das guerras na poboación civil (sobre todo nas mulleres), a capacidade das persoas para sobrepoñerse á dor e á violencia, a importancia do amor para curar as feridas e, sobre todo, o poder das palabras para sandar o corazón.

Comentamos tamén diversas cuestións técnicas que nos chamaron a atención, como o ritmo moroso que potenciaba a intensidade do filme, a importancia dos silencios como mecanismo de refuxio duns personaxes traumatizados ou o xogo entre planos xerais e primeiros planos para contrastar o afastamento da plataforma petrolífera coa cercanía duns personaxes que transmiten unha fonda carga emotiva.  


Comentarios

Entradas populares de este blog

DÍA DA POESÍA: RECITADO NAS AULAS

VISITA A EXPOTAKU CO IES FERROL VELLO

CLUB DE LECTURA 2º BACH: OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE