CLUB DE MANGA: CINEFÓRUM - MI VECINO TOTORO
Por petición das participantes no Club de manga, en novembro organizamos un Cinefórum a partir do visionado dun clásico do anime xaponés: Mi vecino Totoro.
Mentres desfrutabamos dun xantar acompañado de ramune e de mochis (bebida e postres típicos de Xapón), puidemos ver este filme que narra as aventuras de Satsuki (11 anos) e Mei (4 anos) na compaña dun espírito máxico que habita no bosque próximo á súa casa: Totoro.
Tralo visionado da película puidemos comentar diferentes cuestións que nos chamaron a atención.
En primeiro lugar, todas as rapazas comentaron que este foi un dous primeiros animes que viron e, sen dúbida, o favorito da súa infancia.
Comentaron tamén os diversos temas que, na súa opinión, se tratan na película: o amor pola natureza (que se inclúe a través dunha perspectiva fantástica, porque Totoro é un espírito que vive na natureza e interactúa directamente co medio natural), o amor filial (entre as dúas irmás) e o amor cara á familia (as nenas botan de menos á súa nai, que se recupera no hospital dunha tuberculose).
Para finalizar, compartiron os seus momentos favoritos do filme, como a toma de contacto das dúas protagonistas cos susuwatari, o descubrimento de Totoro ou o divertidísimo paseo das nenas no Gato-bus.
Comentarios
Publicar un comentario