CLUB DE NARRATIVA 2º ESO: REDES II
O pasado 17 de decembro, o noso Club de lectura de 2º de ESO reuniuse para seguir comentando Redes, a última novela do exitoso autor Eloy Moreno, e continuación de Invisible.
Nesta sesión afondamos na análise da historia e, sobre todo, nas características dos personaxes. Centrámonos sobre todo en Betty e Xaxa, porque foron elas as que impactaron máis fondamente entre as nosas lectoras.
Betty é unha adolescente que está namorada de Álex, un influencer dunha rede social. Un día el ponse en contacto con ela e a vida da rapaza cambia para sempre. A medida que a intimidade aumenta, Álex faille peticións a Betty, que ela, completamente cega por amor, acepta. Pero pouco a pouco os amigos de Betty danse conta de que ela non é feliz e intentan axudala a descubrir quen é realmente Álex.
Xaxa, pola súa banda, é unha adolescente que, obrigada polos seus pais, triúnfa nas redes anunciando e promocionando diferentes produtos. A súa vida parece perfecta... pero Xaxa é profundamente desgraciada e pensa que a súa existencia carece totalmente de sentido.
Arredor destas dúas rapazas descubrimos a outros moitos personaxes que ven a súa vida condicionada polas redes: padecen acoso, desenvolven adicións, íllanse do mundo... Pero tamén descubrimos que moitos outros deciden rexeitar esta influencia nociva e deixan de lado os dispositivos electrónicos para desfrutar de placeres máis simples, como a lectura.
Comentarios
Publicar un comentario