CLUB DE NOVELA GRÁFICA: BLACKSAD I (UN LUGAR ENTRE LAS SOMBRAS)
O pasado 4 de decembro, o noso Club de novela gráfica reuniuse para comentar Blacksad, unha fabulosa serie de novelas gráficas de xénero negro creadas por Juan Díaz Canales (guionista) e por Juanjo Guarnido (debuxante).
A acción destas novelas gráficas sitúase nos Estados Unidos despois da II Guerra Mundial e, como característica central debemos destacar que os protagonistas son, tal e como explica Juan Díaz Canales, animais antropomórficos.
Nesta primeira sesión comentamos a novela que comeza a serie e que leva por título Un lugar entre las sombras.
En Un lugar entre las sombras, John Blacksad (un elegantísmo gato negro) investiga o asasinato dunha antiga examante, Natalia Wilford, unha famosa e cotizadísima estrela de Hollywood. A pesar da oposición do xefe de policía (como non, un pastor alemán), o detective adéntrase nos baixos fondos da cidade enfrontándose a matóns a soldo (osos e rinocerontes) e a asasinos sen escrúpulos (unha rata e un lagarto).
A lectura desta fantástica novela deu pé a uns comentarios moi atinados por parte dos nosos participantes no Club. En primerio lugar, todos destacaron a sorpresa que lles supuxo a escolla de animais con trazos humanos como protagonistas da narración. A substitución de personaxes arquetípicos deste tipo de relatos (detectives privados, policías, asasinos, matóns...) por animais pareceulles unha idea moi atractiva e suxestiva.
Tamén destacaron a calidade da ilustración, que lles permitiu desfrutar tanto da xestualidade e da expresividade dos rostros como da ambientación coidada e detallista dos diferentes escenarios e, sobre todo, das abundantísimas escenas de acción ao longo da obra.
Por último, insistiron na importancia das cores no desenvolvemento da narración: ocres cando John Blacksad lembra o seu pasado amoroso; luz e cor cando investiga no presente.
Análise de Blacksad por Juanjo Guarnido.
Comentarios
Publicar un comentario