CLUB DE ADULTOS: OS ELEFANTES DE SOKÚROV
O pasado 29 de xaneiro o noso Club de adultos reuniuse para comentar Os elefantes de Sokúrov.
Janis, unha rapaza de 30 anos e cun expediente brillante, espera que se convoquen unhas oposicións ao ensino. Mentres, fai crítica de cine e coida de varias anciás nun edificio de Santiago. Todas as mañás almorza nunha cafetería onde observa como un descoñecido le e escribe sen descanso. Un día ese descoñecido desaparece e Janis o atopa casualmente nun hospital. A partir dese momento, Janis comeza unha viaxe de autodescubrimento que a leva á súa nenez, á xuventude dos seus pais, aos movementos xuvenís e, sobre todo, a descubrir un enigma que marcou a súa vida.
Foi esta unha novela que espertou opinións moi variadas entre os participantes á sesión. Case todos gozaron coa fantástica presentación que fai o autor sobre Santiago no presente e no pasado de Janis. Tamén foron favorables os comentarios sobre a análise da crise socioeconónica da época: a precariedade laboral, os desafiuzamentos, os problemas da xente anciá ou a pobreza nas rúas. No obstante, unha parte considerou que a presentación da situación dos maiores resultaba excesivamente dura, como tamén lles pareceron dolorosas (que non innecesarias) as continuas alusións aos problemas de saúde mental dos personaxes da novela.
Comentarios
Publicar un comentario