CLUB DE ADULTOS: LA AMIGA ESTUPENDA
O 24 de abril o noso Club de adultos reuniuse para comentar La amiga estupenda, a magnífica novela de Elena Ferrante que constitúe o primeiro volume do ciclo coñecido como A saga napolitana.
La amiga estupenda narra a amizade dende a infancia ata a primeira xuventude de dúas rapazas no Nápoles de mediados do século pasado: Lenù e Lila. As protagonistas da narración comparten unha orixe pobre, pero presentan moi diferentes caracteres e posibilidades de futuro. Así, a carón de Lila, intrépida, teimuda e rebelde, medra Lenù, prudente, traballadora e discipinada. As dúas amigas comparten inquedanzas, soños e confidencias, triunfos e fracasos. Pero tamén, a pesar do profundo afecto que comparten, celos e rivalides.
Arredor das dúas amigas, a autora describe con gran mestría e profundidade as luces e sombras da sociedade napolitana do momento: a loita por saír da pobreza, a corrupción dos novos ricos, os movementos laborais, a violencia intraframilar, o sometemento da muller...
Foi esta unha novela de moito agrado para os membros do Club que espertou un intenso debate entre as participantes na sesión.
Unha gran parte da conversa centrouse na enfermiza amizade entre as dúas protagonistas e, sobre todo, no sufrimento e inseguridades que espertaba en Lenù a súa continua comparación coa brillante Lila. Non obstante, tamén comentamos a loita por emanciparse nunha sociedade eminentemente patriarcal tanto de Lenù (a través do estudo) como de Lila (a través do matrimonio).
Comentarios
Publicar un comentario