CLUB DE ADULTOS: CONTRAPASO
Como lectura compartida co noso Club de novela gráfica, o 12 de maio o noso Club de adultos reuniuse de novo para comentar Contrapaso.
Esta novela é un trhiller ambientado na España dos anos 50 e protagonizado por dous periodistas moi diferentes tanto en idade como en ideoloxía: León Lenoir e Emilio Sanz.
León Lenoir é un rapaz novo, atractivo e idealista, fillo dun comunista francés que morreu na Guerra Civil. Emilio Sanz, pola súa banda, é un falanxista entrado en anos, duro, sarcástico, desencantado e obsesionado con descubrir a identidade dun asasino en serie de mulleres. A investigación dun aparente suicidio provoca que os nosos protagonistas se vexan implicados nunha escura trama protagonizada por algúns dos médicos máis famosos da época.
A pesar de que a investigación é o eixe central da historia, un dos elementos máis interesantes da novela provén da coidada presentación do Madrid da época: cabezas de gambas que cobren o chan dun bar, "El huerfanito" de Machín como banda sonora do momento... pero sobre todo a represión, a tortura que busca "curar" a homosexualidade, o roubo de nenos destinados a familias fascistas e a censura que impedirá que os dous periodistas poidan publicar libremente o resultado das súas investigacións.
O terceiro personaxe con papel protagonista da novela é Paloma Ríos, ilustradora nunha revista feminina, prima e antigo amor de León. A introdución de Paloma na trama de Contrapaso permite que a autora analice o papel da muller na sociedade española do momento. Nun mundo eminentemente patriarcal, podemos asomarnos á vida das mulleres adeptas ao réxime que vivían pechadas na casa e sufrían profundas depresións, das féminas que eran reprimidas pola súa ideoloxía e tamén das que decidían seguir unha existencia libre, evitaban casarse e buscaban un oficio fóra da casa.
Ademais de debater sobre os diferentes temas que tan ben se introducen na novela, os participantes na sesión fixeron especial fincapé en dous aspectos: a introdución de personaxes inspirados en figuras reais (como Antonio Vallejo-Nájera ou Juan José López Ibor), e a gran calidade dunha ilustración coidada ata os máis pequenos detalles.
Comentarios
Publicar un comentario