CLUB DE ADULTOS: GOLPES DE LUZ

 

O 24 de xuño pechamos o noso Club de Adultos cunha xuntanza para comentar Golpes de luz, da autora viguesa Ledicia Costas.

  Esta interesantísima novela narra os últimos momentos da vida de Xulia, unha muller recentemente divorciada que viaxa co seu fillo Sebas a Galicia para coidar á súa nai Luz, unha muller dura e temperamental.

  A característica máis relevante de Golpes de luz provén da presenza simultánea de tres narradores que aportan dinamismo á narración e nos proporcionan diferentes perspectivas da mesma historia. En primeiro lugar debemos destacar a Luz, unha anciá peculiar con comportamentos erráticos que pelexa co veciño, fuma a escondidas e nunca abandona o seu martelo. Sumida na dor polo seu recente divorcio, a súa filla Xulia debe alternar o traballo como periodista cos coidados da nai e do fillo de dez anos. Para finalizar, está Sebas, un neno maduro e intelixente que idolatra á súa avoa, sofre pola separación dos pais e trata de adaptarse a un ambiente novo.

  Foron moitos os temas que destacamos na novela: o narcotráfico en Galicia nos anos 80, a violencia doméstica, os coidados na vellez, a relación especial entre avós e netos, o acoso escolar ou as dificultades para conciliar vida familiar e vida laboral.

  Ademais de facer especial fincapé na capacidade de Ledicia Costas para abordar con humor temas duros, como as enfermidades mentais nos maiores, case todos os participantes no coloquio destacaron a profundidade dos personaxes na novela. Por riba de todo, o máis atractivo para a maioría foi Luz, unha muller forte e resiliente que defende a súa independencia e rexeita que a súa filla a controle e organice a súa vida. Tampouco nos deixou indiferente Sebas, un neno maduro, espelido e imaxinativo que idolatra á súa avoa (á que considera Thor polo seu martelo) e trata de adaptarse a unha nova vida con valor e paciencia.

  Para finalizar, tamén resultou interesante a subtrama de novela negra que provén da investigación que desenvolve Xulia para tratar de descubrir que foi do seu pai desaparecido durante a súa infancia.


En resumo, unha lectura moi amena e aproveitable!!!

Comentarios

Entradas populares de este blog

VISITA A EXPOTAKU CO IES FERROL VELLO

DÍA DA POESÍA: RECITADO NAS AULAS

CLUB DE POESÍA: TALLER DE POESÍA COORDINADO POR ANTÓN CORTIZAS