CLUB DE LECTURA 1º ESO: LECTURAS COMPARTIDAS CO IES SOFÍA CASANOVA

  O pasado 10 de xuño acudimos ao IES Sofía Casanova para desenvolver unha actividade conxunta: o comentario da adaptación a banda deseñada de Memorias dun neno labrego, probablemente o libro máis lido e traducido da literatura galega.

  Nesta obra, Balbino, un neno pobre de aldea, vive e padece non só as carencias típicas da súa clase social, senón tamén os abusos do cacique e a necesidade de emigrar para buscar un futuro mellor. Na súa adaptación gráfica, Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo duro que Balbino trata de comprender, e converte a novela de Neira Vilas nun texto moi atractivo para o noso alumnado máis novo.

  Nunha xornada moi agradable, os rapaces e rapazas de ambos centros xuntáronse para socializar e compartir a súa experiencia lectora.

  Comezamos compartindo un rico e agradable xantar.


  A continuación acudimos á biblioteca para conversar sobre a novela gráfica.


  Realmente foi una experiencia moi enriquecedora. Coa axuda do profesorado de ambos centros, os alumnos e alumnas reflexionaron sobre as diferenzas entre a vida do campo e a vida da cidade... e tamén sobre as transformacións que experimentou o mundo rural durante os últimos anos.

  Comentamos a relación de Balbino cos distintos adultos da novela como o pai ou a mestra, pero tamén cos seus iguais, como Lelo ou Manolito, o fillo do cacique.


   A todos nos gustou Balbino, un neno maduro e reflexivo que rexeita as inxustizas do seu tempo.

 

Con respecto á adaptación do texto á novela gráfica, algúns dos rapaces participantes no coloquio criticaron a existencia de saltos no argumento que dificultaban a comprensión da trama. Non obstante, Dani (o profesor de lingua castelá do Sofía Casanova) explicou que moitas veces esas inconsistencias aparentes son resultado da visión persoal que nos ofrece a autora da banda deseñada sobre a novela orixinal.

 

   Realmente foi unha xornada moi amena e interesante para todos e todas que esperamos repetir o curso que vén.



Comentarios

Entradas populares de este blog

VISITA A EXPOTAKU CO IES FERROL VELLO

DÍA DA POESÍA: RECITADO NAS AULAS

CLUB DE POESÍA: TALLER DE POESÍA COORDINADO POR ANTÓN CORTIZAS