CLUB DE NARRATIVA 4º ESO: OS DOUS DE SEMPRE
Aproveitando a celebración do ano de Castelao, escollemos para a lectura do noso Club de 4º de ESO Os dous de sempre, a única novela do autor de Rianxo.
Esta obra narra a evolución dende a infancia ata a madurez de dous personaxes totalmente contrapostos: Pedriño e Rañolas. Pedriño é un rapaz mimado, pusilánime e inactivo que, despois dunha longa sucesión de fracasos, se converte nun home conformista e acomodaticio. Rañolas, pola súa banda, é un rapaz eivado das pernas, pero loitador e brillante que volve exitoso á súa cidade natal... para descubrir que o éxito lle fixo perder a liberdade e o transformou nun escravo do traballo.
Os participantes no Club consideraron que a novela presenta moitos temas realmente interesantes. O primeiro sería, probablemente, a necesidade de loitar para tratar de mellorar a nosa situación, sen deixarnos vencer polos inconvenientes. Tamén lles resultou curiosa a forma en que se cruza ao final a vida dos personaxes: Pedriño, a pesar da súa indolencia natural, consegue ser feliz e Rañolas, que aparentemente acadou todo o que quería (as próteses para as pernas) con esforzo e traballo, acaba suicidándose agobiado polas inxustizas e a soidade.
Pero ao redor da vida dos protagonistas, Castelao déixanos entrever moitos problemas da sociedade da época: a emigración, a miseria (como esquecer a escena da nai que rouba uns zapatiños de bebé?) ou a falta de oportunidades.
Comentarios
Publicar un comentario